Tuesday 07 de May de 2024

Lousame presentou os distintos proxectos de voluntariado xuvenil, adultos e europeo no VII Congreso Galego de Voluntariado


O técnico municipal de Voluntariado, José Manuel Outeiral, presentou as iniciativas na mesa redonda “Proxectos innovadores no ámbito da acción voluntaria”

O técnico coordinador do Voluntariado municipal de Lousame, José Manuel Outeiral, vén de participar como poñente no VII Congreso Galego de Voluntariado, celebrado esta semana no Pazo de Sober (Lugo) e organizado pola Consellería de Política Social e Xuventude. Outeiral tomou parte na mesa redonda titulada “Proxectos innovadores no ámbito da acción voluntaria”, no que presentou os distintos proxectos que se están levando a cabo con éxito no municipio en materia de voluntariado xuvenil, de adultos e europeo.

“O Concello de Lousame foi un dos primeiros concellos de Galicia que implantou o voluntariado e está levando nos últimos anos diferentes proxectos de voluntariado xuvenil e sénior. Ademais é unha das poucas entidades municipais que desenvolve hoxe en día proxectos de voluntariado europeo”, destaca José Manuel Outeiral, quen acudiu ao evento acompañado polas dúas voluntarias europeas, Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.

Outeiral explica que “a través deste encontro entre entidades e persoas voluntarias de toda Galicia se pretendía trasladar a toda a sociedade a forza que ten a acción voluntaria para mellorar e transformar a realidade e animar a todas as persoas a sumarse a actividades solidarias. Algo do que somos plenamente conscientes en Lousame, pois a participación do voluntariado é fundamental á hora de poder realizar múltiples actividades culturais, sociais e deportivas”. Neste sentido, lembra que “Lousame é o único concello do Barbanza que leva conxuntamente programas de voluntariado xuvenil, sénior e europeo á vez”.